Opinión | Retallos do labirinto

Historiador da Cultura Galega

A eterna e alegre primavera nas creacións de Peteiro

Nada mellor para reforzar a primavera coruñesa que unha exposición da obra de Peteiro: luz, cores, positividade, esperanza e sempre alegría. Mensaxe de paz, lúdica, a que tanto compre neste noso mapamundi onde se abren outras xanelas a tantas desgracias, meteorolóxicas, guerras, timos... os sete apocalípticos pecados capitais campando pola Rosa dos Ventos. Mensaxe de Peteiro a que aquece na cidade onde Picasso debuxou esas primeiras pombas que serían símbolo universal da Paz.

A eterna e alegre primavera nas creacións de Peteiro

A eterna e alegre primavera nas creacións de Peteiro / Felipe Senén Historiador da Cultura Galega

Exposición no Quiosco Alfonso da Coruña, fácil de enxergar, que dignifica a quen a ten entre mans, exportable e coa que dar imaxe dun creador singular, dunha cidade aberta e dunha Galicia fora desa tendencia aos esperpentos. Entendendo que a indefinible Arte é como un un inacabado tapiz de Penélope, a facerse e desfacerse, dependendo de todo.

A idea de polícromo vitral para deixar pasar a luz está entre os cadros de Peteiro, e nada que ver coas simetrías calisdoscópicas de Tiffanys, aquí harmonízase a singularidade dun ritmo arrítmico. As súas pinturas, acrílicos, óleos, planas, tan axeitadas ao mural e aos grandes formatos, xogan entre o branco e o negro que as siluetea, para logo, coas cores básicas, as da Santa Trindade da bandeira republicana, o vermello, o marelo e o azul e a partir deles a infinidade de mesturas, sempre en favor dunha mensaxe idílica. Xeralmente todo enmarcado nunha singular cenefa, herdeira daquelas tan requintadas dos miniados códices celtas, como no renacemento... agora será con elementos mariños, cunchas, caracois, estrelas ou peixes lugrisiáns, senón reptiles, frores... Obras nas que está presente ese mesmo alento ou vento, nordés coruñés que inspirou a Urbano Lugrís, o onírico subrealista atlántico, ao que lle voaban as ideas. E por faltar tampouco falta o poético espírito Chagallián, o que tamén fai voar á xente entre a lúa, o sol e as estrelas. Suxestións a Braque, a Matis, a Leger os que tamén gustaron de retrincar ideas para elevalas a luz solar dos vitrais.

A vida que pasa por diante incide: claro que a banda deseñada, o cine, aquela película de Walt Disney Fantasía, o Yelow Submarine de The Beatles, o mantra do “pace and Love”, entre tanto deconstructivismo inflúe na arte do noso tempo. Ao fin e ao cabo fomos formados no entretemento daquelas historietas debuxadas en papel, como influiron no valenciano Mariscal, do mesmo tempo e de paso ese universo do grafismo, Basquiat, as retrouseiras figuriñas siluetadas de Keit Haring... Velaí a marca, a etiqueta de ser do tempo que somos, aínda que, entre todo ese acontecer, Peteiro peta en si mesmo, é soamente il. Enxeñoso, envolto no inspirador fume dos cigarros, os que mesmo acabaron coa súa vida,, humilde, xeneroso, dialogante coa paisaxe e coa súa paisanaxe, filósofo... transparente, como o que pintaba.

Contase que xa de alumno neses xesuítas coruñeses, tan competentes nun ensino humanista, ente aquela arquitectura de Miguel Fisac, a que que abre fiestras ao Golfo Ártabro, nas horas do recreo, namentres os compañeiros saían, il quedábase na clase, debuxando no taboleiro, erguendo sobre os pupitres instalacións de libros, papeleiras, lapiceiros... auténticas intervencións na paisaxe escolar. E esa idea decorativa coa utilidade de agradar ao espectador foi unha constante na pintura vitalista de Peteiro. O primeiro en apuntarse para liderar traballos colectivos, revistas, teatro. Nesa ansia tan escenográfica formou Teodan, un grupo de teatro independente. Creador, pintor, escultor, decorador... referente que pecha o segundo e abre ao terceiro milenio e faino con positividade, crendo nas infindas posibilidade do ser humano.

No 1977 matriculase en Psicoloxía e Empresariais na Universidade compostelán para, tres anos despois pasar a Valencia a estudar na Escola de Belas Artes de San Carlos. O ambiente e a luz creadora da cidade dos bibelots e das fallas, do referente do Pop-art e do crítico Equipo Crónica, asoman no camiño recorrido por Jordi Peteiro. Escolle a especialidade de gravado, practicándoo durante toda a súa vida a serigrafía , á que ben se adapta a súa pintura plana, obras dunha gran transparencia e limpeza coas que mesmo agasallaba ás súas amizades, imprescindible postal coa chegada do Nadal, cita á que non faltaba cunha mensaxe de santa ALEGRIA, envolta nunha espiral de panteísmo animista, convivencia da paisanaxe coa paisaxe.

Ben e ilustrativa peregrinación vital a súa por vilas históricas, “locus amoenus”, exercendo como profesor de debuxo nos institutos de Ortigueira, Ribeira, o Caramiñal, Cambados Betanzos. Derradeiras décadas de milenio nos que para os creadores New York era un inspirador confluír de ideas e alí vai e coincide co escultor cambades e contrafío Paco Leiro, co xestualismo e expresionismo de Julian Schnabel. Máis Peteiro sigue a súa estrela. Proba cun expresionismo, case fauvista, non tanto de paisaxe, senón de paisanaxe en contraposturas como as que busca Leiro... Tampouco se deixa arrastrar pola Transvangarda que lle correspondía a aqueles anos das movidas, cando o profesor de Arte italiano, Achille Bonito Oliva teorizaba sobre ela e abre novas expectativas. Aparecen entón grupos transversais, neoinadaptados, neoexistencialistas ante a transición política, preocupados polas cuestións dos cambios, La Galga, Sisga, Atlántica... creadores e creadoras prendidas no xestualismo, no grafismo ou no neoexpresionismo...o seu é outro camiño: son Retratos, as paisaxes Envolventes cun atractivo punto de fuga no que pretende que prenda a ollada do espectador, perspectiva que definiríamo como “ausente”, os camiños propios.

O lenzo, a madeira son os seus soportes, onde campa o debuxo, o cromatismo plano, o grafismo, unha suposta simplicidade e un xeometrismo entre cenefas, puntillas naif, con desfile de signos, símbolos en coherencia estilística e sinceridade.... E velaí esas súas esculturas “célticas”: aves mariñas, golfiños, tarascas, serpes, monstros, como retrincos sacados das súas pinturas, móbiles, cataventos, anacos do Arco da Vella para convidarnos a cabalgar e porse a navegar polo océano do cosmos.

Os seus talleres, na Coruña, en Carnota, en Sada, os que comparte coa súa compañeira e creadora Beatriz García Trillo era un singular universo de luz e paz, envolto en fume de tabaco, onde os cadros inacabados competían como xanelas abertas a sitios emblemáticos, onde pousa a tradición co seu enigma céltico, baixo astros, cometas, a lúa, a espiral dinámica do sol e un ave que pasa. Obras dun poeta para quen ten algo de poeta que compre rescatar.

Sempre o seu lugar de ida é volta será a Coruña a dos seus amigos creadores , Abelenda, Xaime Cabanas, Correa Corredoira... entre linguaxes éticas e estéticas de tolerancia e paz, como cando, alá polo 1998 abriamos as Portas Ártabras.